Manuel Taboada Cid

(por Xerardo Dasairas)

Manuel Taboada Cid naceu en Verín o 29 de marzo de 1946. Era fillo do ilustre verinense Xesús Taboada Chivite e de Carola Cid Guerra. Será da man do pai como empece a sua afección pola investigación, xa que o vai acompañar en múltiples visitas, paseos e entrevistas, especialmente polo Val de Monterrei, na procura de restos arqueolóxicos e xeiras etnográficas.

Estudiou na Academia Verinense e no Instituto Otero Pedrayo de Ourense onde faría o PREU. Os estudios universitarios iníciaos no ano 1963 na Facultade de Filosofia e Letras da Universidade de Santiago. Superados os dous cursos inciais, comúns, decide inscribirse en Filoloxía Románica, recentemente implantada en Santiago.

No ano 1968 empeza a sua actividade docente como lector de español no Lycee de Garçons de Auch, Francia. Logo retorna a España, becado polo Departamento de Filoloxia Románica, realizar traballos de campo. No ano 1971 acada o grao de licenciatura co traballo "Vocabulario y notas etnográficas de la Mezquita (Ourense)". No curso 1971 /72 vai impartir clases no Instituto Otero Pedrayo de Ourense para no seguinte retornar ás aulas universitarias compostelanas. Nomeado Director Xeral de Política Lingüistica, impulsaría o uso do galego en diversas instancias públicas e privadas, galeguizando a administración dos centros docentes.

Reintegrado na Universidade compostelana, decide opositar no 1990 obtendo á catedra de Historia de la Lengua Española na Universidade de Oviedo. Co mesmo obxectivo concorre á recén fundada Universidade da Coruña, onde se converte no primeiro catedrático de Gramática Histórica del Español.

Despois da sua morte no 1994, a Universidade da Coruña exaltaría a sua figura cunha homenaxe e coa publicación de "Scripta philologica in memoriam Manuel Taboada Cid".Entre os seus traballos máis salientables destacan o xa mencionado "Vocabulario y notas etnográficas de la Mezquita (Ourense)", publicado no Boletín auriense como "Algunos aspectos de la vida espiritual y material de A Mezquita", "El arado radial en el sur de la provincia de Orense", "Afinidades lingüisticas galego-portuguesas na fronteira de Ourense", "El habla del Valle de Verín" e numerosos artigos en revistas especializadas (Verba, Boletín Auriense, Gallaecia...) e comunicacións e ponencias en congresos de Galicia e do estado. Como persoa preocupada polo patrimonio histórico e artístico pertenceu ao grupo "Marcelo Macías" do Museo Arqueolóxico de Ourense.