XESÚS TABOADA CHIVITE

Vida e Obra por Xerardo Dasairas Valsa

Vida e obra

Xesús Taboada Chivite naceu en Verín o 22 de setembro do ano 1907.

Os seus primeiros estudios realízaos no colexio de La Salle en Verín, facendo o bacharelato no Instituto de Ourense e no Cardenal Cisneros de Madrid.

Destinado no Centro de Telégrafos de Ourense entraría en contacto con Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xaquín Lorenzo (Xocas). A pertenza destes ós círculos galeguistas, propiciaríalle asemade a Taboada o coñecemento e trato con outros intelectuais do país como Xesús Ferro Couselo, Fermín Bouza Brey, Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego...

Aquí, continuaría a estudiar na Escola Oficial de Telegrafía facéndose Técnico de Telecomunicacións e obtendo o titulo de Profesor Mercantil.


Fotografía de Taboada-e-Xocas

O continuado trato con estes persoeiros da cultura galega (Xeración Nós) iría perfilando a súa orientación nos eidos da arqueoloxia e da etnografía, aínda que despois se estendese a outros campos como a historia, a filoloxía ou o ensino.

No 1936 foi destinado a Verín, pero a guerra civil traeríalle como consecuencia o seu traslado temporal á Coruña, debido sobre todo á súa condición de delegado da Federación de Mocedades Galeguistas. Militarizado no 1937, pasaría sucesivamente polos Centros de Comunicacións de distintas cidades.

En plena guerra civil e no ano 1938, casa con Carola Cid Guerra coa que tería seis fillos. Rematada a contenda, retornaría á súa vila natal, onde comezaría un labor arreo de investigación e docencia, os dous peares fundamentais da súa vida intelectual. O seu labor tería como eixo primordial a prehistoria e historia do seu pobo natal e da súa comarca, facendo ademáis incursións na etnografía e mesmo glosando aspectos literarios. Tamén realizaría prospeccións arqueolóxicas en distintos puntos da provincia de Ourense, de xeito individual ou en colaboración con F. L. Cuevillas e Xoaquín Lorenzo.

Mantivo ademáis unha estreita colaboración con moitos investigadores portugueses destacando a súa relación con Pires de Lima e Santos Júnior. Numerosas conferencias en encontros, coloquios e congresos celebrados en Galicia, Portugal e España testemuñan o seu esforzo, compensado coa pertenza ao Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento" como presidente da Sección de Arqueoloxía e Prehistoria. No 1949 comeza os estudios de Xeografía e Historia (carreira chamada daquela de Filosofía e Letras) na Universidade de Santiago na que despois de dous cursos, obtería a licenciatura. Durante os anos cincuenta, Xesús Taboada ampliaría o seu ámbito de estudio a Galicia pero sen perder de vista a comarca rexiomontana na que seguía a facer constantes traballos de investigación arqueolóxica e etnográfica.


Biblioteca do Museo do Pobo Galego

A colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense e co seu director e amigo Xesús Ferro Couselo, supuxo un impulso ás investigacións arqueolóxicas, realizando numerosos traballos e importantes achados na zona de Verín. O 20 de novembro do 1965 e para ocupar a vacante de Vicente Risco, ingresaría na Real Academia Galegacomo numerario, cargo este que se viría sumar ós que xa viña ostentando noutros eidos.

O Museo do Pobo Galego dispón de espacios de exposicións temporais, que regularmente acollen mostras da máis variada temática.

Entre os servicios museísticos salienta a Biblioteca, na que se integran os fondos Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antonio Fraguas, Antonio Rodríguez Fraiz, Fermín Bouza Brey e Manuel Beiras García. Trátase dunha biblioteca especializada, ó servicio da investigación, que reúne máis de 40.000 volumes e numerosas coleccións de publicacións periódicas.

Monterrei

Non cabe dúbida que a chegada a Ourense de Ferro Couselo serviría de impulso ós proxectos de recuperación da fortaleza rexiomontana que desde había anos bulían na cabeza do investigador verinense. Ferro, como Inspector Arqueolóxico Provincial, propiciaría unha rede de Comisarios locais, cargo ó que accedería Taboada en setembro do 1943. Desde esta data as súas visitas a Monterrei serían contínuas e a preocupación pola restauración da fortaleza constante, ata que no ano 1959 logra o permiso para comezar a reconstrucción. No ano 1961, contando co apoio de Xesús Ferro Couselo e de Manuel Chamoso Lamas e da man do arquitecto Francisco Pons Sorolla, comezan as obras de reconstrucción que se prolongarían durante catro anos. A mesma razón restauradora e conservadora polarizaríase tamén na recuperación etnográfica co seu vencellamento a entidades como o "Museo del Pueblo Español" de Madrid, do que foi "Patrono", e máis tarde como Vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Asemade, tamén exercería a docencia desde a sua Academia Verinense, institución que permitiría que moitos puidesen cursar os estudios de bacharelato sen ter que desprazarse fóra da vila.

Xesús Taboada Chuvite faleceu en Verín o 27 de novembro do ano 1976 nunha tarde cincenta e poallenta cun premonitorio neboeiro envolvendo a egrexia silueta de Monterrei cal se a natureza presentise a dor e o loito. Máis a memoria de Xesús Taboada había permanecer viva a través da súa figura humana, dos seus traballos, algúns deles publicados xa a título póstumo e do recoñecemento da súa vila natal que ós nomeamentos de Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Verín, había de engadir unha rúa co seu nome que non aceptara en vida e a denominación do Instituto de Ensino Medio que el tanto desexara para a comarca.

Obra

Máis de vinte títulos de patrono, correspondente de número, director, membro ou comisario, como adscrito a importantes entidades da cultura, avalan a súa importante traxectoria. Máis de cen traballos, ponencias e artigos, publicados en revistas especializadas de España e Portugal ou presentados en prestixiosos congresos de etnografía e historia, compoñen un extenso curriculo de traballo arreo que se completa ademaís cos libros:

  • Varones ilustres de la comarca verinense.
  • Monterrey.
  • Folklore de Verín.
  • Los Castillos.
  • Escultura Celto-Romana.
  • Guía de Monterrey.
  • Etnografía Galega .
  • Historia de Galicia III, Prehistoria.
  • Ritos y creencias gallegas.
  • Ritos galegos de Nadal.
  • Refraneiro galego.