Xosé Lois Rúa Núñez (por Xerardo Dasairas)
 
Xosé Lois Rúa Núñez naceu na pequena localidade de Campobecerros (Castrelo do Val - Ourense), no ano 1951. Estudou bacharelato nos institutos Otero Pedrayo e Blanco Amor, de Ourense. Fixo a carreira de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como xornalista dende hai 25 anos. Exerceu o labor xornalístico en La Región, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Agencia Efe, A Nosa Terra, El Sol, Radio Noroeste e Radio Galega, onde leva xa máis de vinte anos. Ten recibido varios premios polos seus traballos xornalísticos e literarios. Reside actualmente na cidade de Ourense.
PREMIOS
Entre eses premios figura, no ano 1997, o primeiro da III edición do Premio Tojal, modalidade literaria, establecido polo sindicato UXT de Ourense. No ano 1995 acadará o terceiro premio, tamén na modalidade literaria, dese mesmo premio Tojal. Tamén acadou, no ano 1995, o VII premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, ìnstitutído pola Deputación Provincial de Ourense. No ano 2003, lograría o segundo premio deste mesmo certame, do que tamén recibira un accesit no ano 1992.
Canto aos premios literarios, no ano 1995 logrou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, instituído polo concello de Ourense, polo seu poemario “O lobo nos outeiros”. Xosé Lois Rúa volvería gañar este premio de Poesía Cidade de Ourense, na súa XIX edición, no ano 2001. A obra premiada foi “Elexías do Camba”.
Tamén acadou, no ano 2001, o XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. O traballo premiado foi o poemario “O tránsito da auga’.

OBRA LITERARIA
“O lobo nos outeiros” (1996) acadou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, do ano 1995. Recolle poemas escritos entre 1993 e 1995. Está editado polo concello de Ourese no ano 1996. Ten un prólogo escrito por tamén poeta ourensán Víctor Campio Pereira, e ilustracións da pintora ourensá Mané Boán.
“O tránsito da auga” (2002), foi galardoado no XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. Recolle poemas escritos entre 1996 e 1998. Está publicado por Edicións do Castro no ano 2002.
“Elexías do Camba” (2003) recibiu o XIX Premio de Poesía Cidade de Ourense, correspondente ao ano 2001. Recolle poesías escritas entre os anos 1998 e 2000. Está editado por Espiral Maior no ano 2003. Conta cun prólogo do profesor Aquilino Alonso Núñez.
“Memoria dos ríos perdidos” (2009), reúne poemas escritos entre os anos 1999 e 2002. Está editado por Espiral Maior no ano 2009.